"A Esmorga" é o nome do Club de Lectura do I.E.S. A Xunqueira 1 de Pontevedra. É unha das actividades principais do Proxecto Lector. Contribúe a fomentar a lectura e a escritura e á adquisición das competencias básicas.

lunes, 21 de junio de 2021

A última entrada sobre os clubs vai dedicada ao de 3º da ESO, coordinado polo profesor Marcos Fernández Ferreiro. Este grupo de lectoras e lectores debullou tres libros ben interesantes neste curso: Os corpos invisibles, de Emma PedreiraWolfram (Espías, nazis e maquis), de Alberto Varela Ferreiro; e La edad de la ira, Nando López.

Así, tiveron ocasión de compartir tempo coas protagonistas da novela de Emma Pedreira, Prometea Stoner e L.C., dúas mulleres moi diferentes cuxas vidas acaban por cruzarse no Londres da Revolución Industrial. Logo dun comezo algo lento, a historia colleu un ritmo de vertixe e houbo moitas sorpresas cara ao final. A continuación, puideron achegarse a unha banda deseñada desde a que descubrir como o wolframio se converteu nos tempos da Segunda Guerra Mundial nun mineral tan esencial como escaso, e facelo seguindo as aventuras de W. C. Morgan e Molly Morrison.

Finalmente, o broche do curso púxoo a lectura de La edad de la ira, de Nando López, unha historia que nos remove por dentro desde a carta que a abre, a carta na que lemos/escoitamos a voz de Marcos, un adolescente que está a piques de cometer un crime que cambiará a súa vida para sempre.

Sen dúbida, as fotografías, cancións, noticias e comentarios do profesor que coordinou este club de lectura a través das redes contribuíron a xerar sempre expectación de xuntanza en xuntanza do club. E se alguén quere saber a que vén aquí unha fotografía dunha máquina de escribir Olivetti, pode ler esta novela de Nando López e descubrilo.

Para pechar o curso, o coordinador deste grupo, Marcos Fernández, organizou un encontro telemático co autor, Nando López, do que desfrutaron moitísimo e que se lles fixo, en palabras deles e delas: "moi curto, curtísimo, non chegou a nada", porque seguirían falando con el moito máis tempo.

De feito, se despois das lecturas, sempre puntuaban o libro escollido, como se pode imaxinar, o libro que máis lles gustou neste curso foi precisamente este último, un gran acerto, sen dúbida.

Así dá gusto estar no club de lectura!







No hay comentarios:

Publicar un comentario