"A Esmorga" é o nome do Club de Lectura do I.E.S. A Xunqueira 1 de Pontevedra. É unha das actividades principais do Proxecto Lector. Contribúe a fomentar a lectura e a escritura e á adquisición das competencias básicas.

miércoles, 12 de abril de 2023

LECTURAS CIENTÍFICAS: CLUB MATEMÁTICO

No club de lectura de matemáticas limos dous libros ata a data actual: O curioso incidente do can a media noite e ¡Malditas matemáticas! Alicia en el país de los  números.

O primeiro que limos, O curioso incidente do can a media noite, de Mark Haddon, ten  como protagonista e narrador a Christopher Boone, un rapaz autista de quince anos,  que vive co seu pai. A novela xira en torno a morte do can da súa veciña, a señora  Shears, Wellington. Durante boa parte da novela este trata de investigar o quen matou  a Wellington, xa que lle ten un agarimo especial. Pero ao longo da súa investigación,  Christopher descubre unha mentira coa que viviu durante anos relacionada coa súa  nai, a ex-parella da señora Shears e o seu pai, que lle levará a embarcarse nunha viaxe  inesperada. 

Non hai que esquecer que este libro foi lido nun club de matemáticas. E vos  preguntaredes: "E que ten que ver coas matemáticas a historia de Christopher?". A  Christopher gústanlle moito as matemáticas e, de feito, vai facer (e sacar sobresaínte, segundo el) o exame do bacharelato de matemáticas. Por iso, no libro fálanse  dalgunhas cousas relacionadas coas matemáticas, como os números primos e o  problema de Monty Hall que, sinceramente, é unha das explicacións que máis me  gustaron do libro. 

Penso que é un libro diferente, pero no bo sentido: é unha novela moi novidosa, que é  diferente a todo o que lin anteriormente. Non quero facer ningún spoiler, pero o final  do libro deixoume cunha sensación que nunca antes sentira e que é case imposible de  describir. Ademais, para min, as curiosidades matemáticas dánlle un toque especial. 


O segundo libro que limos chámase ¡Malditas matemáticas! Alicia en el país de los números, de Carlo Fabretti. Este trata sobre unha nena, Alicia, que odia as matemáticas. Esta frase é escoitada por Lewis Carroll (Charlie), o autor de Alicia no país das marabillas, que lle leva ao país dos números. A medida que transcorren os capítulos, descubrimos novos personaxes e lugares, acompañado de curiosidades matemáticas diferentes (multiplicacións, matetrucos, cadrados máxicos, potencias de dous e os seus incriblemente elevados valores...), cambiando a visión que ten a pequena rapaza das matemáticas ao longo da historia.

Como persoa á que lle encantan as matemáticas, este libro é moi entretido, coa que  descobres propiedades das cousas que se dan en clase, ademais de aprender outras  novas. Recoméndoo para todos, xa que explica dunha forma sinxela e divertida  incribles propiedades desta marabillosa ciencia.



E ata aquí o resumo do club de lectura matemático no primeiro e no segundo trimestre, vémonos na próxima!