"A Esmorga" é o nome do Club de Lectura do I.E.S. A Xunqueira 1 de Pontevedra. É unha das actividades principais do Proxecto Lector. Contribúe a fomentar a lectura e a escritura e á adquisición das competencias básicas.

lunes, 21 de junio de 2021

 A semana pasada pechamos o curso para os clubs cunha lectura na biblioteca. Viñeron representantes dos clubs de 1º, 2º e 3º da ESO e compartiron con todos aqueles e aquelas que se achegaron algúns fragmentos das súas lecturas favoritas destes meses. 

As rapazas de 3º ESO leron a carta do protagonista de La edad de la ira que abre a novela de Nando López. O profesor que leva este club, Marcos, trouxo como atrezzo a máquina de escribir Olivetti que é tan importante para a historia.

Pola súa parte, dous representantes dos lectores de 2º da ESO deleitáronnos cun fragmento magnificamente lido d'A chamada da selva, de Jack London, demostrándonos a un tempo a vixencia dos clásicos e a importancia da tradución á nosa lingua de obras coma esta.

Por último, pero non menos importantes, as lectoras de 1º ESO, escolleron dúas escenas de Atranco no banco, de Manuel Núñez Singala, para regalarnos unha lectura dramatizada, con moita chispa, e con cafés e ornitorrincos a esgalla. 

Grazas por este curso compartido, a vós, aos profes que vos acompañaron, e ao resto de lectoras e lectores que non estiveron nesta actividade final, pero que si formaron parte dos club de lectura A esmorga.

Ata o próximo curso!












 E antes da entrada final, sobre a lectura coa que pechamos o curso, comparto con vós un dos poemas que xurdiu inspirado nun graffiti do instituto (logo da lectura dos Street Poems de Fran Alonso). A autora é Sabela Porto Verísimo, de 1º de ESO E. Grazas por compartilo con nós, Sabela!




A última entrada sobre os clubs vai dedicada ao de 3º da ESO, coordinado polo profesor Marcos Fernández Ferreiro. Este grupo de lectoras e lectores debullou tres libros ben interesantes neste curso: Os corpos invisibles, de Emma PedreiraWolfram (Espías, nazis e maquis), de Alberto Varela Ferreiro; e La edad de la ira, Nando López.

Así, tiveron ocasión de compartir tempo coas protagonistas da novela de Emma Pedreira, Prometea Stoner e L.C., dúas mulleres moi diferentes cuxas vidas acaban por cruzarse no Londres da Revolución Industrial. Logo dun comezo algo lento, a historia colleu un ritmo de vertixe e houbo moitas sorpresas cara ao final. A continuación, puideron achegarse a unha banda deseñada desde a que descubrir como o wolframio se converteu nos tempos da Segunda Guerra Mundial nun mineral tan esencial como escaso, e facelo seguindo as aventuras de W. C. Morgan e Molly Morrison.

Finalmente, o broche do curso púxoo a lectura de La edad de la ira, de Nando López, unha historia que nos remove por dentro desde a carta que a abre, a carta na que lemos/escoitamos a voz de Marcos, un adolescente que está a piques de cometer un crime que cambiará a súa vida para sempre.

Sen dúbida, as fotografías, cancións, noticias e comentarios do profesor que coordinou este club de lectura a través das redes contribuíron a xerar sempre expectación de xuntanza en xuntanza do club. E se alguén quere saber a que vén aquí unha fotografía dunha máquina de escribir Olivetti, pode ler esta novela de Nando López e descubrilo.

Para pechar o curso, o coordinador deste grupo, Marcos Fernández, organizou un encontro telemático co autor, Nando López, do que desfrutaron moitísimo e que se lles fixo, en palabras deles e delas: "moi curto, curtísimo, non chegou a nada", porque seguirían falando con el moito máis tempo.

De feito, se despois das lecturas, sempre puntuaban o libro escollido, como se pode imaxinar, o libro que máis lles gustou neste curso foi precisamente este último, un gran acerto, sen dúbida.

Así dá gusto estar no club de lectura!







 En 1º de Bacharelato houbo varios grupos de lectoras e lectores "capitaneados" polo profesor Manuel Reboredo, quen lles contaxiou a súa paixón polas novelas de Miguel Anxo Fernández

Tamén houbo outro grupo que se reunía co profesor Inácio Martínez Almeida Flores, co que foi debullando As crónicas do Sochantre, de Álvaro Cunqueiro e mais Made in Galiza, de Séchu Sende. O blog sobre este libro de Pilar Ponte inspirou parte das conversas, nas que eran as rapazas e rapaces a comentar a obra e a propoñer debates e preguntas.

Cara ao final do curso, Manuel Reboredo convidou a Miguel Anxo Fernández a falarlles ás rapazas e rapaces do club sobre esas novelas que viñan de ler e tiveron un encontro presencial co escritor no Salón de Usos Múltiples do centro. 









 O Club de lectura de 4º da ESO foi conducido, nun primeiro momento, polo profesor Emiliano Márquez Roel, e inaugurouse nada menos que con Cumbres borrascosas, de Emily Bronte

Un pouco máis tarde, a docente en prácticas do Máster de Secundaria Lucía Souto, titorizada por Julia Verdullas, responsable da biblioteca, decidiu participar tamén neste grupo e xuntos optaron por levar textos literarios soltos cos que facer sesións de lectura e comentario nas propias xuntanzas do club.

Finalmente, para rematar o curso, a profesora Lorena Domínguez tamén se xuntou coas lectoras e lectores deste grupo arredor de dous libros tan breves como especiais, Aplicación instantánea, de Carlos Negro e O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila e Pablo Prado (a versión en banda deseñada). Os poemas de Carlos Negro déronnos moito que falar, e a banda deseñada segue aínda nas nosas cabezas. Aiiiii ese final!!

Tamén queriamos ler Un de nós mente, de Karen M. McManus, magnífica novela en tradución de Sushi Books ao galego, pero, como non nos deu tempo, quedou como lectura recomendada para o verán que podían coller en préstamo na biblioteca e que podiamos comentar á volta. 







 No Club de lectura de 2º ESO, o profesor Leopoldo Canizo axudou a explorar historias poderosas da pluma de Óscar Wilde, Edgar Allan Poe e Jack London, demostrándonos a todas e a todos a vixencia absoluta dos clásicos e a fortuna de poder ler eses autores en galego.

Tamén puideron gozar da escrita de Marilar Aleixandre, unha autora de referencia nas nosas letras, grazas á que acompañaron á pequena Emilia nunha expedición científica fascinante.

As conversas, a lectura en voz alta e sobre todo o goce de compartir foron os que marcaron as xuntanzas deste club.

Para a lectura de peche de curso na biblioteca escolleron un fragmento d'A chamada da selva, que puidemos escoitar na voz de dous dos participantes neste club.







Aínda que ao longo do curso non usamos o blog para comunicarnos nin publicitarnos (pois faciámolo a través doutros medios, desde os taboleiros e os encerados ás redes sociais), quería deixar aquí información sobre o que fomos facendo para animarvos a enrolarvos con nós o próximo curso.


En 1º ESO estivemos a ler O misterio do torque de Burela, de Antía Yáñez, e moito nos deu que falar e comentar. Queriamos organizar unha selección de fotografías para escoller imaxe para o noso Venres, o can da historia, aínda que finalmente colléronnos os exames e non foi adiante. Pero gardamos a idea para outra ocasión, :-)

Despois, veu a quenda de Atranco no banco, de Manuel Núñez Singala, co que fixemos lecturas dramatizadas e rimos moito entre xogos de palabras, cafés imposibles e ornitorrincos. De feito, foi a obra que escolleron como lectura de final de curso na biblioteca.

Por último, tamén lemos e escribimos sobre poesía e graffiti, grazas aos Street Poems, de Fran Alonso e a todos os murais que visten as paredes do noso instituto. Dos murais que tedes aquí escribiron algúns poemas moi chulos:








Ao comezo deste curso, 2020-2021, non sabiamos aínda se ía ser posible seguirmos coas actividades do Club de lectura A esmorga. Ademais, a profesora coordinadora do club estaba de baixa médica e as axudas tardaron en saír. No entanto, finalmente saíu a convocatoria, enviouse o proxecto e foinos concedida a axuda. As profes e os profes animáronse a participar e as nosas lectoras e lectores foron chegando.


Comezamos o curso con esta selección de lecturas:
En 1º ESO, O misterio do torque de Burela, de Antía Yáñez (club coordinado por Lorena Domínguez Mallo).
En 2º ESO, A pantasma de Canterville e outros contos, de Óscar Wilde e O escaravello de ouro e outras narracións, de Edgar Allan Poe (club coordinado por Leopoldo Canizo Durán).
En 3º ESO, Os corpos invisibles, de Emma Pedreira e Wolfram (Espías, nazis e maquis), de Alberto Varela Ferreiro (club coordinado por Marcos Fernández Ferreiro).
En 4º ESO, Cumbres borrascosas, de Emily Bronte (club inicialmente coordinado por Emiliano Márquez Roel).
Por último, en 1º de Bacharelato, como había moitas lectoras e lectores apuntados, houbo que facer varios grupos e simultanear diferentes lecturas, coas que se seguiu ao longo do curso:
O sabre do francés e Un nicho para Marilyn, de Miguel Anxo Fernández, e, por outra parte, Made in Galiza, de Séchu Sende e As crónicas do sochantre, de Álvaro Cunqueiro. Estes grupos eran coordinados por Manuel Reboredo e Inácio Xosé Martínez-Almeida Flores.

E así comezou a nosa aventura!