"A Esmorga" é o nome do Club de Lectura do I.E.S. A Xunqueira 1 de Pontevedra. É unha das actividades principais do Proxecto Lector. Contribúe a fomentar a lectura e a escritura e á adquisición das competencias básicas.

miércoles, 20 de enero de 2016

RESPOSTAS AO CUESTIONARIO DE A MEMORIA DA CHOIVA




Respostas:

1A. Do xénero dramático ou teatral.

1B. Normalmente, o primeiro sería a presentación; o segundo, o terceiro e o cuarto serían o nó; e o quinto, co epílogo, o desenlace.


2A. O 150 aniversario da publicación de Cantares galegos.

2B. Algúns son claros e outros, confusos. “O sangue” está relacionado co tipo de crimes cometidos por Xacobe; “O Mar”, co final preparado para Sofía; “A Luz”, co esclarecemento das motivacións dos crimes. “O Ruído”, “O Vento” e “O Lume” teñen unha intrepetación menos clara.

2C. Aurelio Aguirre foi un poeta moi coñecido en Santiago cando Rosalía era adolescente. Escribiu sobre todo en castelán; participou no Banquete de Conxo, xunto con Eduardo Pondal. Prototipo de poeta romántico, morreu afogado na Coruña, e algúns autores opinan que Rosalía estivo namorada del na súa mocidade. Inspirou o poema rosaliano “Cando penso que te fuches”, máis coñecido polo título da súa versión cantada: “Negra sombra”.


3A. É un xornalista que está atravesando unha profunda crise tanto sentimental como laboral. Foi despedido do seu anterior emprego e ten que gañar a vida escribindo para unha revista pouco seria. Foi abandonado pola súa anterior compañeira sentimental. Vive pendente da súa nai, que pade Alzheimer.

3B. Aparece asasinado un suposto psicanalista que colabora na prensa e a televisión publicando artigos polémicos e incluso aldraxantes, Xosé Carneiro.

3C. É asasinado cun cravo espetado no seu corazón, o cal o pon en relación con “Unha vez tiven un cravo”, o poema pertencente a Follas novas.


4A. Alba Mendoza e Diego Castro.

4B. Penélope Santalla non aparece porque posiblemente nese momento está sendo asasinada por Xacobe.


5A. Adriano.

5B. Porque Sofía cre que o autor ou autora do asasinato ten que ver coa Fundación ou a Casa-Museo de Rosalía. Aquiles tamén cre que ten que haber algunha relación con Rosalía, xa que aparecen fragmentos de poemas da autora santiaguesa na escena dos crimes.


6A. Nos seus compañeiros de traballo, Santiago Seoane –decano da facultade de Filoloxía, que está interesado nela- e Dorian Castle –o seu compañeiro de despacho e departamento na facultade, sobre quen non ten sospeitas-.

6B. Os ruídos que proceden do piso superior do seu edificio, o cal debería estar baleiro.

6C. Tino é o conserxe da Casa-Museo de Rosalía.

6D. Aquiles coida que o asasino ten que ser un descendente de Rosalía de Castro.

6E. Cre que era neta de Gala, a filla de Rosalía, a única que viviu ata os anos sesenta, porque nalgún momento a oíu que a chamaba “avoa”. Na película aparece sempre a carón de Gala, como se fose a súa coidadora ou secretaria.


7A. Trátase do asasinato de Beltrán de Brión, o fillo adolescente de Calímaco.

7B. É unha carta enviada por Manuel Murguía a Víctor Said Armesto en 1917.

7C. Murguía cóntalle que Gala tivo unha filla como consecuencia da súa relación cun sacerdote –ó igual que lle pasara á súa avoa-. Para evitar o escándalo, levoulla a unha familia residente no concello de Arteixo, a familia Pan, coa que el vivira na súa infancia –pois tamén o seu pasado foi estraño-. Esta filla, nacida en 1895 –Gala nacera en 1871-, recibiu o nome de Estela, e Murguía cre que nese ano, 1917, aínda vive. Logo saberase que Murguía enviaba cartos para a súa manutención.

7D. Non sería a única supervivente, porque tamén se conta que Ovidio tivo un fillo dunha modelo. Ese fillo nunca foi recoñecido pola familia. Os fillos de Aura, dous xemelgos, só viviron seis meses.


8A. O seu pai foi un mariñeiro a quen o seu avó lle pagou para que marchase.

8B. Anxo Aián, personaxe relacionado coa Real Academia Galega, quen se apodera dos cartos aforrados por Gala e dalgunha das súas propiedades.

8C. Di que se chama Xacobe.

8D. O principal trazo da súa personalidade é o odio ou o resentimento con respecto á súa familia materna porque Murguía e as súas fillas nunca quixeron recoñecer nin a ela nin á súa nai. O seu maior orgullo era sentirse descendente de Rosalía.

8E. Aquiles decátase demasiado tarde de que na casa de Ariel había, antes de entrar Sofía e mais el, dúas persoas –unha das cales era Xacobe, o fillo de Ariel, quen non dubida en matar á súa nai por ter falado de máis, na súa opinión-. Xacobe, na súa loucura, cóidase descendente directo de Rosalía –de aí que adopte os nomes de Tino e Adriano- e non sente apenas afecto pola súa auténtica nai. Esta, co seu resentimento, foino afastando de si sen decatarse.

8F. Despois de que Aquiles non quixese deterse no seu apartamento, abre a porta a outra persoa coidando que se trata do xornalista.

9A. Xacobe identifica a choiva con Rosalía, de modo que el é, en certo modo, o fillo da choiva.

9B. Diego Castro aparece morto e colgado de forma macabra.

9C. Xacobe adopta o nome de Tino.

9D. As esplicacións dos crimes son varias e ás veces moi superficiais. Basicamente, mata a Xosé Carneiro por non manter unha actitude respectuosa cara a Rosalía; a Penélope Santalla, por aproveitarse da figura de Rosalía para o seu lucimento e enriquecemento persoais; a Diego Castro, máis ou menos, polo mesmo motivo; a Calímaco de Brión, por poñer a Aquiles sobre a súa pista; a Beltrán de Brión, para facer sufrir ó seu pai; ó anterior conserxe da Casa-Museo de Rosalía e ó axente Cabanas porque lle entorpecían a realización dos seus plans; e á súa nai, Ariel, por dar información sobre el e talvez pola relación amor-odio que a súa loucura lle fai ter cara a ela.

9E. Non mata a Aquiles, a pesar do que di, porque lle cae simpático e, en certo modo, sente compaixón por el. Puido matalo ma noite de borracheira, tras o seu encontro con Calímaco, pero non o fai porque ve que é un infeliz. Sente ciúmes de Aquiles porque ve que a súa amada Sofía –a única persoa íntegra que se achega á figura da súa antepasada- vai namorándose del; pero ó mesmo tempo desexa que Sofía sexa feliz. Por iso tampouco os mata cando entrevistan á súa nai.
Ó final, ofrécelle dúas posibilidades: ou ben intentar salvar a Sofía, que se atopa a carón das Torres do Oeste, en Catoira, con perigo de morte a causa do abalo da marea, ou ben ir tras del, que se vai refuxiar na súa casa.

9F. Aquiles, tras escapar do lugar onde estaba encerrado, chama a Dorian Castle e Andrés Casaperda; ó primeiro, para que lle explique o sentido dos versos que Xacobe escribiu relacionados coa posible morte de Sofía; ó segundo, para indicarlle que vai buscalo ó piso superior do edificio de Sofía, onde cre que Xacobe residía.

9G. Non de todo. Polas explicacións de Dorian, chega a tempo de rescatar a Sofía; pero Andrés non atopa a Xacobe, senón un exemplar de Follas novas aberto pola páxina do poema “Adiós”.


10A. A muller perseguida é Andrea Muruais. Esta colaborou con Diego Castro no desfalco das contas da Fundación e ten no seu poder os cartos roubados, polo que Xacobe debe pensar que merece o mesmo castigo que Penélope Santalla e Diego Castro.

10B. Dáse a entender que se atopa en Barcelona.

10C. Refuxiouse na Casa-Museo de Rosalía, en cuxa cama adoitaba deitarse –por iso aparecía ás veces algo desfeita-. Xacobe consideraba a casa como propia.

10D. É de supoñer que Xacobe asasinará a Andrea Muruais e se apoderará dos cartos roubados. Non parece probable que a súa vítima sexa Sofía, dado que esta é inocente, fixo pública a súa relación familiar con Rosalía e Xacobe anima a Aquiles para que non se demore en convertila na súa parella.


Cuestionario final.

1. Cita sete títulos de poemas de Rosalía mencionados na obra.

2. Ordena cronoloxicamente os asasinatos dos seguintes personaxes: Calímaco de Brión, Penélope Santalla, Beltrán de Brión, Xosé Carneiro, o policía Cabanas, Diego Castro, Ariel Pan ou Murguía, o anterior conserxe da Casa-Museo de Rosalía.

3. Segundo a novela, cal sería a árbore cronolóxica do matrimonio Murguía-Castro?

4. Cal sería a relación familiar que une a Ariel e Xacobe con Rosalía?

5. Por que Xacobe escolle os nomes Tino e Adriano?

6. Reúne os seguintes personaxes en catro grupos (policías, membros da Fundación Rosalía de Castro, xornalistas e profesores universitarios): Xosé Carneiro, Penélope Santalla, Alba Mendoza, Santiago Seoane, Dorian Castle, Sr. Capón, Napoleón Sevilla, Andrés Casaperda, Aquiles Vega, Diego Castro, Sofía Deneb.

7. Busca en internet ou na videoteca do centro “Pelerinaxe rosaliana”, Seven ou El silencio de los corderos e procura establecer unha relación entre unha destas obras e a novela.


Cuestionario final. Respostas.

1. Son mencionados, entre outros, “Unha vez tiven un cravo”, “Cando un é moi dichoso, moi dichoso”, “Cando penso que te fuches”, “Bos amores”, “Tecín soia a miña tea”, “A xustiza pola man”, “Ti onte, mañán eu”, “Adiós”, “Cando era tempo de inverno”, “Tan soio”, “Nas Torres do Oeste”.

2. A orde sería: anterior conserxe da Casa-Mueso de Rosalía, Xosé Carneiro, Penélope Santalla, Beltrán de Brión, o policía Cabanas, Calímaco de Brión, Ariel Pan e Diego Castro.

3. Sería o seguinte:

Manuel MurguíaRosalía de Castro
Alexandra Aura Gala Ovidio Amara Valentina Adriano
Casada con Casada con Relacionado con
Francisco Prats Pedro Izquierdo Visitación Oliva

Dous fillos Sen fillos un fillo

Relacionada con
Un cura

Estela
Casada con
Un mariñeiro

Ariel
Relacionada con
Anxo Aián

Xacobe

4. Ariel sería bisneta e Xacobe sería tataraneto de Rosalía.

5. Porque se considera fillo de Rosalía. Tino procede de Valentina, a filla que naceu morta, e Adriano era o nome do fillo que lle morreu nun accidente doméstico cando tiña ano e medio.

6. Xornalistas: Xosé Carneiro, Sr. Capón, Aquiles Vega.
Policías: Napoleón Sevilla, Andrés Casaperda.
Membros da Fundación: Penélope Santalla, Alba Mendoza, Diego Castro.
Profesores universitarios: Santiago Seoane, Dorian Castle, Sofía Deneb.

7. Resposta libre.


CUESTIONARIO SOBRE A MEMORIA NA CHOIVA


GUÍA DE LECTURA E CUESTIONARIO
SOBRE A MEMORIA DA CHOIVA, DE PEDRO FEIJOO

Guía e cuestionario por partes

1. A obra está dividida en cinco actos e un epílogo.

* O primeiro acto titúlase “O Sangue” e comprende os capítulos que van do 1 ó 4. Sitúase entre os días 7 e 9 de maio de 2013.

* O segundo acto titúlase “O Ruído” e comprende os capítulos que van do 5 ó 15. Sitúase entre os días 9 e 13 de maio do mesmo ano.

* O terceiro acto titúlase “O Vento” e comprende os capítulos que van do 16 ó 20. Sitúase nos días 13 e 14 de maio.

* O cuarto acto titúlase “O Lume” e comprende os capítulos que van do 21 ó 25. Sitúase nos días 14 e 15.

* O quinto acto titúlase “O Mar” e comprende os capítulos que van do 26 ó 30. Sitúase no día 16 de maio.

* O Epílogo titúlase “A Luz” e sitúase nun tempo posterior.

1A. De que xénero toma a denominación?

1B. Serías capaz de sinalar a que actos ou partes corresponderían a presentación, o nó e o desenlace?


2. Como podes ver, a acción sitúase nos días previos ó 17 de maio de 2013.

2A. Que se conmemoraba nese día?

2B. Atópaslle algún sentido ós títulos? Cal?

2C. Os actos son introducidos normalmente por un fragmento dun poema de Aurelio Aguirre. Que sabes deste poeta? O seu poema considérase un precedente dun coñecido poema rosaliano. Sabes cal?


3. No primeiro acto preséntase ó protagonista da novela, o xornalista Aquiles Vega, o cal, acompañado do seu amigo, o inspector da policía Andrés Casaperda, vai investigar un crime acontecido en Santiago de Compostela.

3A. Que aspectos do protagonista se destacan?

3B. Quen é o asasinado?

3C. Que peculiaridade presenta o crime que o pon en relación con Rosalía de Castro?


4. No capítulo 2 aparece outro personaxe fundamental, a profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago Sofía Deneb, especialista na vida e a obra de Rosalía. Xunto a ela, atópanse uns personaxes secundarios relacionados coa Fundación Rosalía de Castro e a súa Casa-Museo.

4A. Como se chaman?

4B. Unha das responsables da institución non aparece. Por que?


5. Posteriormente Sofía recibe unha mensaxe anónima que a asusta.

5A. Que sinatura leva?

5B. Por que van a Padrón?


6. No acto segundo verás que Sofía, con Aquiles, se dirixe a Padrón, onde o xornalista coñece a uns personaxes interesantes. Durante a viaxe, Sofía lembra os compoñentes da familia de Rosalía de Castro. Posteriormente, Aquiles entrevístase con Calímaco de Brión, quen escribira unha dura réplica ó artigo ofensivo publicado no seu día por Xosé Carneiro. O estudoso dálle a Aquiles unha cinta gravada coa “Pelerinaxe rosaliana”, que está a piques de perder nunha noite de bebedeira. Posteriormente, Aquiles e Sofía viaxan á Coruña para visitar a casa onde vivira a familia Murguía Castro. Alí entrevistan a Antón Bareda, quen lles fala de Ariel e Anxo Aián. Nun momento verás que Sofía especula sobre quen lle tería enviado a mensaxe.

6A. En que personaxes pensa?

6B. Que detalle, ademais da mensaxe, esperta o seu temor?

6C. En Padrón falan con Tino. Quen é?

6D. Que intuición ten Aquiles?

6E. Antón Bareda fálalle con admiración de Ariel. Quen cre que era? Como aparece en “Pelerinaxe rosaliana”?


7. No acto terceiro, os protagonistas viaxan a Vigo para entrevistarse co profesor Solano Drumond, coñecedor de moitos segredos relativos ás figuras emblemáticas da literatura galega que non desexa que saian á luz. Ó principio, négase a colaborar e incluso ameaza a Sofía se segue investigando, mais, ó coñecer que se cometeu un novo asasinato, cambia de opinión e entrégalles un documento importantísimo.

7A. De que asasinato se trata?

7B. Que documento aporta datos fundamentais?

7C. Que se di nese documento?

7D. Sería o personaxe mencionado o único supervivente da familia Murguía-Castro?


8. No cuarto acto, o nó enrédase máis. Prodúcese a morte de Calímaco de Brión e do axente de policía Cabanas, que custodiaba a casa do investigador. Sofía recibe outro anónimo. Aquiles vai reducindo a lista de sospeitosos, ó deducir que o asasino tiña que ser amigo ou coñecido de Calímaco, dada a facilidade coa que entrou no domicilio do asasinado. En busca da familia Pan, citada na carta de Murguía, diríxense ó concello de Arteixo. Unha bibliotecaria remíteos a unha muller chamada Ariel, que ten un fillo. Esta pista parece aproximalos ó descubrimento do misterio. Conseguen falar con ela, que vive nunha aldea moi pobre, A Pastoriza. Alí ela fala sobre a súa historia familiar. A súa nai foi a filla de Gala, Estela, quen morreu ó dala á luz, en 1927. Ariel quedou ó coidado do seu suposto avó, Xesús Pan, quen lle contou, antes de morrer, en 1948, quen eran os seus auténticos familiares. Ó morrer Xesús, vendeu todo e foi en busca de Gala. Durante anos viviu con ela. Un personaxe fixo que Gala, no momento da súa morte, en 1964, modificase o seu testamento, de xeito que a Ariel non lle quedou nada. Non contento con isto, abusou dela, deixouna en estado e abandonouna no lugar onde habita. Da súa relación con ese home naceu un fillo, a quen educou de acordo coa súa amarga experiencia. Ariel recoñece que o seu fillo é o asasino. Aínda que acepta o seu desexo de vinganza, non está de acordo con algún dos asasinatos cometidos. Non está disposta a dicirlles máis e expúlsaos da súa casa.

8A. Quen foi o pai de Ariel? Como é que non participou na súa vida?

8B. Quen foi o personaxe que a estafou e arruinou a súa vida? Que fixo?

8C. Como di que se chama o seu fillo?

8D. Cal é o principal trazo do carácter de Ariel? A que é debido?

8E. Que descobre tardiamente Aquiles? Que sucede a causa do seu descoido? Por que?

8F. Que sorpresa agarda a Sofía ó regresar a Santiago?


9. No quinto acto comeza o desenlace. Por unha banda, Sofía aparece drogada mentres Xacobe explica algún dos seus actos e a súa relación coa choiva –o cal nos remite á interpretación do título da novela que estamos a ler-. Pola súa parte, Aquiles intenta deducir cal é o nome real baixo o que se oculta Xacobe –non o de Adriano, que é unha especie de pseudónimo-. Dubida entre Santiago Seoane e Diego Castro, e chega á conclusión de que se trata deste, polo que se dirixe a Padrón, onde espera atopalo. Alí, efectivamente, atopa a Diego Castro, pero en circunstancias impensadas. O auténtico criminal déixao esmorecido cun golpe tras recitar uns versos de Rosalía.

9A. Que relación ten Xacobe coa choiva?

9B. Como atopa Aquiles a Diego Castro?

9C. Baixo que nome se oculta Xacobe?

9D. Como explica os crimes cometidos?

9E. Por que non mata a Aquiles? Que posibilidades lle concede?

9F. Cales son os pasos que segue Aquiles para resolver o caso?

9G. Queda todo solucionado?


10. No “Epílogo”, vemos que Aquiles recuperou o prestixio e o traballo perdidos, que Sofía deu a coñecer os descubrimentos que realizaran e que a relación entre ambos avanza por bo camiño, a pesar da lentitude de Aquiles. De súpeto, recibe unha chamada. Trátase de Xacobe, quen se atopa noutra cidade perseguindo, ó parecer, a unha muller relacionada coa Casa-Museo que fora socia ou colaboradora de Diego Castro. Curiosamente, nesa cidade tamén se atopa Sofía. Xacobe anímao para que se lle declare, ou farao el, e explícalle por que non o matou e onde se refuxiou para que non o atopasen. Remata a novela así, cun final aberto. O criminal non é atrapado e está disposto a cometer un novo crime.

10A. Quen é a muller á que persegue Xacobe? Por que o fai?

10B. En que cidade se atopa?

10C. Onde se refuxiou para que non o atrapasen?

10D. Que supós que sucederá deseguido?



Cuestionario final.

  1. Cita sete títulos de poemas de Rosalía mencionados na obra.
2. Ordena cronoloxicamente os asasinatos dos seguintes personaxes: Calímaco de Brión, Penélope Santalla, Beltrán de Brión, Xosé Carneiro, o policía Cabanas, Diego Castro, Ariel Pan ou Murguía, o anterior conserxe da Casa-Museo de Rosalía.

3. Segundo a novela, cal sería a árbore cronolóxica do matrimonio Murguía-Castro?

4. Cal sería a relación familiar que une a Ariel e Xacobe con Rosalía?

5. Por que Xacobe escolle os nomes Tino e Adriano?

6. Reúne os seguintes personaxes en catro grupos (policías, membros da Fundación Rosalía de Castro, xornalistas e profesores universitarios): Xosé Carneiro, Penélope Santalla, Alba Mendoza, Santiago Seoane, Dorian Castle, Sr. Capón, Napoleón Sevilla, Andrés Casaperda, Aquiles Vega, Diego Castro, Sofía Deneb.

7. Busca en internet ou na videoteca do centro “Pelerinaxe rosaliana”, Seven ou El silencio de los corderos e procura establecer unha relación entre unha destas obras e a novela.


domingo, 17 de enero de 2016

LECTURAS PARA O CURSO 2015/16 (2º TRIMESTRE)

Ola, ola, ola!!!!!

Non perdades a calma!! 

Temos aquí xa un novo paquete de emocións, de aventuras e de tardes incribles pegados á cadeira ou cos ollos coma pratos tombados na cama!!

XA ESTÁN AQUÍ...

...AS NOVAS LECTURAS PARA O SEGUNDO TRIMESTRE!!! 

TACHAAAÁN!!!


1º ESO:

A autora, Ledicia Costas, de Vigo,
obtivo con esta narración
o Premio Nacional de Literatura
Infantil y Juvenil 

O seu autor, Jordi Sierra i Fabra,
de Barcelona, comezou a escribir literatura
cando só tiña oito anos
e aos doce
xa tiña feita a súa primeira novela
de cincocentas páxinas!!

O autor desta obra é tamén de Vigo!
Podedes acceder ao blog de Megatoxos aquí:
http://megatoxos.blogspot.com.es


2º ESO:
A súa autora, Care Santos, é de Barcelona
e levou con esta historia
o Premio EDEBÉ 2015.
Sabías que a súa protagonista loita por conseguir as mellores notas?
Coma ti!!

3º ESO:
A súa autora, Mª Isabel Molina, é de Madrid
e levou con esta novela o accésit do Premio Lazarillo
de Creación Literaria (1995).
O protagonista desta historia
ten una enoorme facilidade para os números...
Que envexa!





4º ESO:
O humor de Miguel Mihura
e sorpendentes personaxes.  


1º BACHARELATO:
Outro escritor vigués, Pedro Feijoo,
e unha novela policiaca que nos engancha ata o final!
Este ollo é algo inquedante, non si?

Esta novela, tamén policiaca,
da estadounidense Patricia Highsmith,
é a primera dunha serie cuxo
protagonista é nada máis e nada menos
que un intelixentísimo estafador que suplanta ás suas vítimas...
A que apetece lelo?



E NON VOS ESQUEZADES DE QUE...

A LECTURA PREXUDICA SERIAMENTE A IGNORANCIA