"A Esmorga" é o nome do Club de Lectura do I.E.S. A Xunqueira 1 de Pontevedra. É unha das actividades principais do Proxecto Lector. Contribúe a fomentar a lectura e a escritura e á adquisición das competencias básicas.

miércoles, 20 de enero de 2016

CUESTIONARIO SOBRE A MEMORIA NA CHOIVA


GUÍA DE LECTURA E CUESTIONARIO
SOBRE A MEMORIA DA CHOIVA, DE PEDRO FEIJOO

Guía e cuestionario por partes

1. A obra está dividida en cinco actos e un epílogo.

* O primeiro acto titúlase “O Sangue” e comprende os capítulos que van do 1 ó 4. Sitúase entre os días 7 e 9 de maio de 2013.

* O segundo acto titúlase “O Ruído” e comprende os capítulos que van do 5 ó 15. Sitúase entre os días 9 e 13 de maio do mesmo ano.

* O terceiro acto titúlase “O Vento” e comprende os capítulos que van do 16 ó 20. Sitúase nos días 13 e 14 de maio.

* O cuarto acto titúlase “O Lume” e comprende os capítulos que van do 21 ó 25. Sitúase nos días 14 e 15.

* O quinto acto titúlase “O Mar” e comprende os capítulos que van do 26 ó 30. Sitúase no día 16 de maio.

* O Epílogo titúlase “A Luz” e sitúase nun tempo posterior.

1A. De que xénero toma a denominación?

1B. Serías capaz de sinalar a que actos ou partes corresponderían a presentación, o nó e o desenlace?


2. Como podes ver, a acción sitúase nos días previos ó 17 de maio de 2013.

2A. Que se conmemoraba nese día?

2B. Atópaslle algún sentido ós títulos? Cal?

2C. Os actos son introducidos normalmente por un fragmento dun poema de Aurelio Aguirre. Que sabes deste poeta? O seu poema considérase un precedente dun coñecido poema rosaliano. Sabes cal?


3. No primeiro acto preséntase ó protagonista da novela, o xornalista Aquiles Vega, o cal, acompañado do seu amigo, o inspector da policía Andrés Casaperda, vai investigar un crime acontecido en Santiago de Compostela.

3A. Que aspectos do protagonista se destacan?

3B. Quen é o asasinado?

3C. Que peculiaridade presenta o crime que o pon en relación con Rosalía de Castro?


4. No capítulo 2 aparece outro personaxe fundamental, a profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago Sofía Deneb, especialista na vida e a obra de Rosalía. Xunto a ela, atópanse uns personaxes secundarios relacionados coa Fundación Rosalía de Castro e a súa Casa-Museo.

4A. Como se chaman?

4B. Unha das responsables da institución non aparece. Por que?


5. Posteriormente Sofía recibe unha mensaxe anónima que a asusta.

5A. Que sinatura leva?

5B. Por que van a Padrón?


6. No acto segundo verás que Sofía, con Aquiles, se dirixe a Padrón, onde o xornalista coñece a uns personaxes interesantes. Durante a viaxe, Sofía lembra os compoñentes da familia de Rosalía de Castro. Posteriormente, Aquiles entrevístase con Calímaco de Brión, quen escribira unha dura réplica ó artigo ofensivo publicado no seu día por Xosé Carneiro. O estudoso dálle a Aquiles unha cinta gravada coa “Pelerinaxe rosaliana”, que está a piques de perder nunha noite de bebedeira. Posteriormente, Aquiles e Sofía viaxan á Coruña para visitar a casa onde vivira a familia Murguía Castro. Alí entrevistan a Antón Bareda, quen lles fala de Ariel e Anxo Aián. Nun momento verás que Sofía especula sobre quen lle tería enviado a mensaxe.

6A. En que personaxes pensa?

6B. Que detalle, ademais da mensaxe, esperta o seu temor?

6C. En Padrón falan con Tino. Quen é?

6D. Que intuición ten Aquiles?

6E. Antón Bareda fálalle con admiración de Ariel. Quen cre que era? Como aparece en “Pelerinaxe rosaliana”?


7. No acto terceiro, os protagonistas viaxan a Vigo para entrevistarse co profesor Solano Drumond, coñecedor de moitos segredos relativos ás figuras emblemáticas da literatura galega que non desexa que saian á luz. Ó principio, négase a colaborar e incluso ameaza a Sofía se segue investigando, mais, ó coñecer que se cometeu un novo asasinato, cambia de opinión e entrégalles un documento importantísimo.

7A. De que asasinato se trata?

7B. Que documento aporta datos fundamentais?

7C. Que se di nese documento?

7D. Sería o personaxe mencionado o único supervivente da familia Murguía-Castro?


8. No cuarto acto, o nó enrédase máis. Prodúcese a morte de Calímaco de Brión e do axente de policía Cabanas, que custodiaba a casa do investigador. Sofía recibe outro anónimo. Aquiles vai reducindo a lista de sospeitosos, ó deducir que o asasino tiña que ser amigo ou coñecido de Calímaco, dada a facilidade coa que entrou no domicilio do asasinado. En busca da familia Pan, citada na carta de Murguía, diríxense ó concello de Arteixo. Unha bibliotecaria remíteos a unha muller chamada Ariel, que ten un fillo. Esta pista parece aproximalos ó descubrimento do misterio. Conseguen falar con ela, que vive nunha aldea moi pobre, A Pastoriza. Alí ela fala sobre a súa historia familiar. A súa nai foi a filla de Gala, Estela, quen morreu ó dala á luz, en 1927. Ariel quedou ó coidado do seu suposto avó, Xesús Pan, quen lle contou, antes de morrer, en 1948, quen eran os seus auténticos familiares. Ó morrer Xesús, vendeu todo e foi en busca de Gala. Durante anos viviu con ela. Un personaxe fixo que Gala, no momento da súa morte, en 1964, modificase o seu testamento, de xeito que a Ariel non lle quedou nada. Non contento con isto, abusou dela, deixouna en estado e abandonouna no lugar onde habita. Da súa relación con ese home naceu un fillo, a quen educou de acordo coa súa amarga experiencia. Ariel recoñece que o seu fillo é o asasino. Aínda que acepta o seu desexo de vinganza, non está de acordo con algún dos asasinatos cometidos. Non está disposta a dicirlles máis e expúlsaos da súa casa.

8A. Quen foi o pai de Ariel? Como é que non participou na súa vida?

8B. Quen foi o personaxe que a estafou e arruinou a súa vida? Que fixo?

8C. Como di que se chama o seu fillo?

8D. Cal é o principal trazo do carácter de Ariel? A que é debido?

8E. Que descobre tardiamente Aquiles? Que sucede a causa do seu descoido? Por que?

8F. Que sorpresa agarda a Sofía ó regresar a Santiago?


9. No quinto acto comeza o desenlace. Por unha banda, Sofía aparece drogada mentres Xacobe explica algún dos seus actos e a súa relación coa choiva –o cal nos remite á interpretación do título da novela que estamos a ler-. Pola súa parte, Aquiles intenta deducir cal é o nome real baixo o que se oculta Xacobe –non o de Adriano, que é unha especie de pseudónimo-. Dubida entre Santiago Seoane e Diego Castro, e chega á conclusión de que se trata deste, polo que se dirixe a Padrón, onde espera atopalo. Alí, efectivamente, atopa a Diego Castro, pero en circunstancias impensadas. O auténtico criminal déixao esmorecido cun golpe tras recitar uns versos de Rosalía.

9A. Que relación ten Xacobe coa choiva?

9B. Como atopa Aquiles a Diego Castro?

9C. Baixo que nome se oculta Xacobe?

9D. Como explica os crimes cometidos?

9E. Por que non mata a Aquiles? Que posibilidades lle concede?

9F. Cales son os pasos que segue Aquiles para resolver o caso?

9G. Queda todo solucionado?


10. No “Epílogo”, vemos que Aquiles recuperou o prestixio e o traballo perdidos, que Sofía deu a coñecer os descubrimentos que realizaran e que a relación entre ambos avanza por bo camiño, a pesar da lentitude de Aquiles. De súpeto, recibe unha chamada. Trátase de Xacobe, quen se atopa noutra cidade perseguindo, ó parecer, a unha muller relacionada coa Casa-Museo que fora socia ou colaboradora de Diego Castro. Curiosamente, nesa cidade tamén se atopa Sofía. Xacobe anímao para que se lle declare, ou farao el, e explícalle por que non o matou e onde se refuxiou para que non o atopasen. Remata a novela así, cun final aberto. O criminal non é atrapado e está disposto a cometer un novo crime.

10A. Quen é a muller á que persegue Xacobe? Por que o fai?

10B. En que cidade se atopa?

10C. Onde se refuxiou para que non o atrapasen?

10D. Que supós que sucederá deseguido?



Cuestionario final.

  1. Cita sete títulos de poemas de Rosalía mencionados na obra.
2. Ordena cronoloxicamente os asasinatos dos seguintes personaxes: Calímaco de Brión, Penélope Santalla, Beltrán de Brión, Xosé Carneiro, o policía Cabanas, Diego Castro, Ariel Pan ou Murguía, o anterior conserxe da Casa-Museo de Rosalía.

3. Segundo a novela, cal sería a árbore cronolóxica do matrimonio Murguía-Castro?

4. Cal sería a relación familiar que une a Ariel e Xacobe con Rosalía?

5. Por que Xacobe escolle os nomes Tino e Adriano?

6. Reúne os seguintes personaxes en catro grupos (policías, membros da Fundación Rosalía de Castro, xornalistas e profesores universitarios): Xosé Carneiro, Penélope Santalla, Alba Mendoza, Santiago Seoane, Dorian Castle, Sr. Capón, Napoleón Sevilla, Andrés Casaperda, Aquiles Vega, Diego Castro, Sofía Deneb.

7. Busca en internet ou na videoteca do centro “Pelerinaxe rosaliana”, Seven ou El silencio de los corderos e procura establecer unha relación entre unha destas obras e a novela.


No hay comentarios:

Publicar un comentario