Aquí están as respostas ao cuestionario presentado hai algunhas semanas!
Lembra que isto ten que servir sempre como comprobación ao teu traballo previo, é dicir: nunca substitúas a túa lectura e o teu proceso de investigación persoal pola copia das solucións que aquí che amosamos. Pero, ben, iso xa o sabes ti, por suposto. Seguro que o fixeches moitísimo mellor!
Imos aló!
Comezo
Fíxate
en que a novela comeza cunha cita dun tal Vincent (“Non esquezamos
que as pequenas emocións son os grandes capitáns das nosas vidas”)
e cun debuxo que nos presenta a un pintor andando por un camiño
rural. Despois aparece outra imaxe que presenta o inicio dun camiño
e ó seu pé unha data imprecisa: “Verán de 1890”
Capítulo
1
Observamos
que aparece un narrador en primeira persoa que non di o seu nome,
pero si que leva vivindo cunha tía da súa nai oito meses e que se
separou desta, en París, cando tiña dezaseis anos.
-Como é a
relación coa tía Jojo?
É
mala. El considéraa unha vella tola.
-Dá a
entender cales poden ser as causas desta relación?
A tía
Jojo parece pensar que o narrador é unha proba da “vergoña
familiar”, porque a súa nai o tivo estando solteira e non dixo
quen era o seu pai.
Un día ve
como baixa do tren no apeadeiro de Chaponval “un forasteiro” que
“levaba o sombreiro enfeitado con malvas”. O narrador, obedecendo
a un impulso estraño, ségueo e observa como contempla Auvers, a
localidade onde vive, e se dirixe a unha pousada.
Entón
menciona a Gustave Ravoux, Adeline e Jules.
-Quen son
estes personaxes?
Gustave
Ravoux é o dono da pousada onde vai vivir Vincent; Adeline é a súa
filla, e Jules é o líder dunha banda de rapaces de Auvers que non
aceptan ó protagonista.
Capítulo
2
Ó día
seguinte, o narrador axexa a saída do forasteiro da pensión. Ve que
pasa pola vivenda do doutor Gachet e logo vai pintar –cousa que fai
con moita paixón-. O pintor descóbreo e preséntase. É Vincent.
Conversan e este proponlle que lle faga de guía.
Ó saír da
fonda, o narrador é obxecto da burla de Adeline.
-Como é
descrita esta?
Como
unha persoa fermosa e fría, con “rostro de porcelana” e “ollos
verdes”.
Capítulo
3
O
narrador trata sobre as súas tensas relacións coa tía Jojo, quen
non tarda en manifestarlle o seu desgusto por velo acompañando ó
pintor, que acode con frecuencia á casa do Doutor Gachet.
-Por que vai
Vincent á casa deste?
Porque
Gachet o trata da súa enfermidade nerviosa (como logo se saberá).
Ademais, é moi afeccionado á pintura e Vincent agarda que lle
merque algún cadro.
-Que
aspectos che parecen estraños da maneira de ser do doutor?
A
pesar de ter certo prestixio como médico e posuír unha
condecoración polo seu comportamento na guerra contra os prusianos,
compórtase de maneira un tanto bohemia, como demostra que saque a
pasear unha cabra.
-Algunhas
veces, o narrador queda no seu cuarto lendo ás agachadas unha obra
de Zola. Que sabes deste escritor?
Foi
o principal escritor naturalista francés. Liderou esta escola con
novelas como Thérèse Raquin,
Germinal, Au bonheur des dames ou
Nana.
Tivo unha participación decisiva nun escándalo político da época:
o caso Dreifus.
Capítulo
4
O narrador
segue acompañando a Vincent. Este desexa recuperar cadros que
pintara no Sur. Grazas a el, coñece o sabor do chocolate con leite,
que lle envía un empresario suízo, chamado Nestlé –creo que nos
soa-, ó seu amigo, o doutor Gachet. O chocolate con leite serve para
que o narrador entre nunha nova etapa na súa relación con Adeline.
-Que sucede?
Estando
a comer no chocolate, pasa Adeline, quen se ri ó ver ó protagonista
manchado. Convídana, e ela leva ós seus irmáns, Germaine e Levert.
Entón pasa por alí Jules, que mira con carraxe, porque considera a
Adeline a súa noiva. O narrador sabe que debe ter coidado co mozo.
Capítulo
5
O
narrador, avanzando na súa amizade con Vincent, visita o cuarto
deste, en compaña do doutor Gachet, que é artista afeccionado e
admira o talento do pintor. Entre as súas obras chámalles a
atención unha.
-Cal cres
que é? Por que se caracteriza?
É un
autorretrato do pintor; aquel que pintou tras mutilar a súa orella.
Ó mesmo
tempo, vemos como Adeline Ravoux se vai amosando dunha maneira
distinta.
-En
que consiste o cambio, a xuízo do narrador?
Aínda
que o narrador aínda sente algo de medo na súa presenza, decátase
de que non é tan fría como aparenta; ó contrario, pode amosarse
apaixonada; por exemplo, ó enfurruñarse pola mala educación do seu
pai.
Capítulo
6
O
pintor fálalle do seu pasado no Sur.
-A que
problemas alude?
Alude
ós seus problemas nerviosos, se ben os envolve en expresións un
tanto metafóricas como “pesadelos”, “pozo”...
Un día
atópanse coas irmás Cavaignac, polas que ambos senten simpatía de
inmediato.
-Como lles
gustaría que as pintase? Por que?
Gustaríalles
verse vestidas con roupas de cores, porque levan moitos anos cubertas
de loito ó enlazar unha sucesión de mortes familiares tras o
pasamento dos seus pais.
A relación
do narrador con Adeline avanza un pouco máis.
En que
sentido?
Adeline
coquetea con el, buscando ou aceptando o contacto das súas mans.
Cítase un
novo escritor decimonónico.
-De quen se
trata?
De
Guy de Maupassant, do cal se alude a un famoso relato: “Bóla de
sebo”.
Capítulo
7
Este é un
capítulo no cal se reflexiona sobre o paso do tempo. Vincent nótao
curiosamente ó escoitar o son emitido por uns insectos, que lle
afecta tanto que é incapaz de concentrarse na pintura dunhas barcas
nas ribeiras do río Oise.
-Que
insectos?
As
carricantas.
-En que lle
fan pensar?
Faino
pensar, melancolicamente, no pasadía que é a vida.
Capítulo
8
A tía Jojo
é moi beata, así que leva ó narrador a unha entrevista co padre
Teissier, que se amosa desagradable.
-Por que?
Porque
lle reprocha que ande a carón de artistas dos que ten un mal
concepto e o acusa de ser igual á súa nai, a quen aldraxa.
A
reacción do mozo é violenta, case está a piques de agredir ó
sacerdote, guíndalle cos cartos que este tanto valora, e foxe. Bota
moito de menos á súa nai. Máis tarde, atópase con Vincent na
pousada. Este retrata paisanos e fálalle dun cadro moi famoso.
-Cal?
O
retrato do doutor Gachet.
Capítulo
9
Agora
aparece un novo personaxe, o xendarme Rigaumont, arredor do cal
parece haber certo misterio relacionado coa nai do narrador.
-Que lle
conta Rigaumont sobre ela?
Cóntalle
que a súa nai era moi fermosa e fora unha mágoa o que lle
sucedera; pero tamén se amosa burlón ó aludir a un encontro que
tivo con ela no alboio das irmás Cavaignac.
Pola súa
parte, Vincent está entretido limpando a súa habitación porque o
seu irmán Theo, acompañado da súa familia, o vai visitar. O
narrador discute coa tía Jojo e procura evitar a Rigaumont. Un
suceso acontecido preto de Auvers faille pensar que o deixará en paz
por uns días.
-Que sucede
no tren que se dirixía a Auvers?
O tren
tivera que deterse porque, estando en movemento, unha muller caera e
morrera esmagada. O seu acompañante fuxira e os xendarmes andaban
buscándoo.
Capítulo
10
O
narrador e Adeline acompañan ó pintor unha noite, mentres este
pinta. A escena amosa que os mozos van camiño de converterse en
noivos. Gustave Ravoux deixa que a súa filla os acompañe a cambio
de algo.
-De que?
A
cambio de que Vincent pinte un retrato de Adeline.
O pintor
explica por que lle gusta tanto pintar de noite.
-Cal é o
motivo?
O
motivo é que Vincent opina que de noite os nosos sentidos se
concentran no esencial.
Capítulo
11
Vincent
pinta a igrexa de Auvers. O padre Teissier amósase descontento, pero
non intenta impedirllo. Curiosamente, pinta a parte traseira da
igrexa e non a fachada principal.
-Como o
xustifica?
Di que
“ás veces, na traseira das cousas, atópase o máis fermoso delas”
E engade: “Tendemos a quedarnos sempre co aparente, coa primeira
mirada, sen afondar, sen ir máis alá dos prexuízos do noso propio
ollar. Pasamos pola vida coma cegos, batendo co noso caxato na
verdade sen recoñecela, e cando nos decatamos xa é tarde de máis”
O
pintor fala da súa familia e do seu pasado. Era fillo dun pastor
protestante e el mesmo intentara ser pastor no medio de xente humilde
e traballadora. Sen dúbida, era un home relixioso; para o narrador,
que o ten idealizado, amosaba a fe dun santo (“un santo pecadento e
bebedor”, matiza) e a sabedoría dun home que é capaz de ver
cousas que un home normal é incapaz de ver. Esta lucidez prodúcelle
dor.
-Como
intenta evadirse desa dor?
Bebendo
asente, porque o alcohol parece adormecer a consciencia de unha
verdade dolorosa para el.
Capítulo
12
Vincent
fálalle ó narrador da súa técnica como pintor (presume de ter a
paciencia dun boi, pero nesta época fai máis dun cadro por día).
Está nervioso e impaciente pola inminente chegada do seu irmán Theo
e a súa familia. O narrador busca o niño abandonado dun paxaro para
darllo como agasallo ó sobriño do pintor. Este meniño ten o mesmo
nome que o pintor.
-Que outra
persoa levou o mesmo nome? Como o descubriu o pintor?
Un
irmán seu que nacera morto xusto un ano antes ca el. Descubriuno
cando tiña seis anos, unha vez que, xogando no camposanto, tropezou
e caeu sobre a sepultura.
Capítulo
13
O
narrador observa a distancia o encontro do pintor cos seus
familiares. Séntese só nese domingo. Parécelle que a súa vida,
sen a compaña de Vincent ou Adeline, carece de sentido. Detense a
falar con Pierre, o gardaagullas, quen lle conta o sucedido no tren
días antes.
-Lembras que
sucedera?
Unha
muller morrera ó ser esmagada polo tren en que viaxaba. Pierre
cóntalle que a muller fora empurrada polo seu acompañante, que logo
se suicidou.
-En quen
pensa con tristeza o narrador ó escoitar o acontecido?
Pensa na
súa nai, xa que teme que esta poida ter un final parecido ó daquela
muller.
Capítulo
14
Neste
capítulo, o pintor, logo de encontrarse cun grupo de campesiños,
tras comentar a importancia da expresión dos ollos nun retrato,
manifesta con paixón a súa maneira de pensar: “Paréceme moito
máis intensa a alma dun home que todos os ouropeis e damascos do
mundo, aínda que sexa un pobre esmoleiro, un esforzado mineiro ou a
máis tirada das galdrapas. Esa é a miña xente e entre eles quero
estar, vivir e algún día morrer” (páxina 73).
-Atopas
algunha ilustración na que se manifeste a importancia dos ollos ou a
vida das xentes humildes?
Algunhas
ilustracións presentan imaxes de campesiños realizando as súas
tarefas; por exemplo, unhas mulleres segando nun prado ou uns
campesiños renovando o tellado da súa morada.
Capítulo
15
Vincent
conseguiu que a tía Jojo o aceptase lembrando as súas lecturas da
Biblia, aínda que agora xa se considera máis ben descrido ou
escéptico.
-Cando se
familiarizou tanto con este libro?
El era
fillo dun pastor protestante, así que posiblemente tivera que lela;
pero sobre todo familiarizouse coa obra cando foi predicador no medio
dos mineiros.
-Que lle
conta o narrador sobre o seu pasado en París? Canto tempo hai que se
separou da súa nai, a quen bota tanto de menos?
Cóntalle
que a súa nai, en París, traballaba de noite e descansaba de día,
polo que non podía vixialo e el se metía en leas ó andar con malas
compañas. Ese foi o motivo fundamental de que o envíase á vivir
coa tía Jojo en Auvers.Tamén lle confesa que nunca coñeceu ó seu
pai, quen, ó parecer, non quixo casar con ela, a quen hai xa nove
meses que non ve.
Capítulo
16
Chega á
pensión outro pintor holandés, Anton Hirchig. Vincent preséntalle
de tal maneira ó narrador, que este se sente ofendido.
-Por que?
Porque
Vincent, con aparente indiferencia, o ofrece como un empregado e non
parece consideralo o seu amigo.
Por outra
parte, en contraste, Adeline pídelle perdón pola súa conduta
anterior.
-Que fixera
antes e que desexa agora?
Antes
rírase cando Jules e os seus compinches o aldraxaron e perseguiron a
croiazos. Agora, dándolle un bico nos beizos, dá a entender que
desexa ser a súa noiva.
Capítulo
17
Vincent
non lle pide desculpas ó narrador, pero intenta compensalo
facilitándolle o encontro con Adeline. Si o fai Anton Hirchig.
Falando con este, o narrador decátase de canto cambiou desde que
abandonou as malas compañas de París.
-Por que?
Porque
antes era un buscabullas e teríase burlado de Anton pola súa
aparencia amaneirada.
Capítulo
18
Vincent
vai comer cos Gachet e lévalle como agasallo a Marguerite, a filla
do doutor, polo seu vixésimo primeiro aniversario, un retrato no que
aparece tocando o piano. O narrador achégase a Pontoise en compaña
de Anton Hircher. Este asómbrase da velocidade con que pinta
Vincent. Tras un encontro desagradable para Hircher, o narrador cre
que este escapa de algo.
Capítulo
19
O
narrador sae con Vincent ata Bessancourt, en busca dunha paisaxe
diferente e atopan a un avergoñado Anton. Vincent pregúntalle ó
narrador que ve nun cadro –unha parella no medio dunha fraga- e
explícalle o que desexa pintar: “Pois aí as tes ante os nosos
ollos. As forzas que moven o mundo, as mesmas coas que todos loitamos
no noso interior. A orde divina fronte ao caos da natureza”.
-Que nome
lles pon ó home e á muller alí representados?
Chámalles
Monsieur Chaos e Madame Harmonie.
Capítulo
20
O narrador
vai asimilando ideas pesimistas do seu admirado Vincent –o que se
busca, foxe; o que se pretende evitar, vén ó noso encontro-. De
feito, sucédelle algo moi desagradable: Jules e a súa panda danlle
unha tunda. Rigaumont, o xendarme, acode na súa axuda, pero sen
darse présa –non evita que lle peguen-, e logo pregúntalle pola
súa nai.
-Por que
motivo lle pega Jules?
Porque,
nun arranque de machismo, desexa que se aparte de Adeline.
-Que
relación existe entre Rigaumont e a nai do narrador?
Non
queda clara, pero o xendarme pregúntalle ó narrador se lle
transmitiu os seus saúdos e parece lamentarse do carácter dela,
quen semella que non desexou saber nada del, a pesar de coñecer o
cariño que este lle tiña. O narrador dá a entender que esa
relación pode ter algo que ver con el mesmo.
Capítulo
21
Vincent
viaxa en tren ata París, temendo volver a experimentar algo que o
angustia, relacionado coa súa estancia no sur de Francia. A morte
dunha parente dos Ravoux permítelle ó narrador pasar un feliz
domingo con Adeline. É un dos momentos máis agradables da súa
relación amorosa.
Capítulo
22
Un día os
nosos protagonistas visitan o xardín de Dauvigny, un pintor que
pareceu atopar naquela terra o seu lugar no mundo.
-Que
significa para Vincent atopar o seu lugar no mundo? Cre o narrador
que xa o atopou? Por que?
Atopar
un lugar onde unha persoa pode vivir satisfeita consigo mesma; en
especial, porque alí vive a persoa que a pode facer feliz. O
narrador non está seguro de que Auvers sexa para el tal lugar,
porque non confía en que a súa relación con Adeline sexa a
definitiva e porque odia a Rigaumont e Jules, os cales non o tratan
ben.
Capítulo
23
O narrador
vai a Chaponval para recoller un envío de Theo para Vincent.
Aproveita para levarlle un telegrama ó doutor Gachet, coa esperanza
de ver a Marguerite, a filla deste, á cal o seu amigo parece
admirar. Atópaa tocando piano e parécelle fermosa.
-A que autor
interpreta?
A
Chopin.
Logo
acompaña ó pintor, quen representa nun cadro a un fato de mulleres
segando. Di que parecían formar parte da terra, como as montañas e
as árbores, dende moitos séculos atrás.
-Que pensas
que desexa dicir?
Para
Vincent, os campesiños teñen unha relación secular, case mística,
coa terra, identifícanse con ela ata tal punto que parecen formar
parte dela.
Capítulo
24
Os dous
amigos dialogan mentres Vincent tenta pintar un cadro no cal aparezan
moitos corvos fuxindo dun campo.
-Que ten o
narrador na súa man para conseguir esa imaxe?
Un
revólver.
O narrador
atópase triste por varios motivos: nos últimos días case non ve a
Adeline, está resentido con Rigaumont e Vincent cada vez bebe máis
e ten peor humor. Cando por fin consegue o efecto desexado para que
Vincent o plasme no cadro, ten un mal agoiro.
-Cita a
frase que parece manifestar este mal presentimento.
O
narrador ten a impresión de que “unha gran sombra” pende sobre
eles cando os seus disparos fan fuxir ós corvos.
Capítulo
25
Un domingo,
o narrador diríxese á fonda de Ravoux para visitar a Vincent. Atopa
a este moi alterado.
-Por que
motivo?
Porque
o doutor Gachet se puxera coma un tolo cando Vincent ese domingo lle
pedira a man de Marguerite, a súa filla. Esta marchara da estancia
en que se atopaban chorando e o pintor acabara emborrachándose.
O narrador
semella sorprendido pola conduta do seu amigo, a quen esta vez non
lle dá a razón. Coida que algún día el mesmo terá que pasar por
unha situación parecida ante Gustave Ravoux, pero cre que el terá
da súa parte a Adeline.
Capítulo
26
É o 24 de
xullo, día da festa nacional francesa. Vincent odia o alboroto e
talvez desexa evitar o seu encontro con Gachet, polo que se encerra
no seu cuarto. O narrador charla co doutor Gachet, quen lembra
anécdotas da guerra franco-prusiana. De súpeto, o doutor é atacado
violentamente por Pierre, o gardaagullas.
-Por que
motivo?
Porque
Pierre recoñece a Gachet como o doutor que lle cortara a perna. O
doutor cría que fixera o mellor para evitar que morrese, pero o
gardaagullas considera que foi un “carniceiro”, que optou polo
máis fácil, en vez de intentar salvarlle a extremidade.
O
suceso conduce ó narrador ó pensamento de que ás veces ceo e
inferno son as dúas caras da mesma moeda: algo pode ser bo para unha
persoa e malo para outra.
Capítulo
27
Despois dun
día de festa, preséntase un día de loito. As campás tocan a morto
polas simpáticas irmás Cavaignac, que lle pediran a Vincent ser
retratadas con roupas alegres. Este quere cumprir o prometido e
solicita ó padre Teissier e ó sobriño herdeiro das defuntas que as
enterren co seu cadro e vestidas con roupas de cor. Estes consideran
que a petición do artista é unha insolencia. Vincent, amolado,
regresa á fonda e evita ó doutor Gachet. Este, que xenerosamente
desexa atender a Pierre, continúa narrando as súas vivencias da
guerra.
-Que
anécdota, entre curiosa e macabra, lembra?
No
sitio de París, a xente tivo que comer de todo, incluso animais que
normalmente son detestados. Algúns personaxes poderosos, ante a
ausencia de certos alimentos, conseguiron comer a carne dalgúns
animais do zoolóxico. Unha noite de Nadal, o doutor Gachet ceou,
nunha casa rica a onde foras convidado, elefante, antílope,
canguro...
Capítulo
28
Neste
episodio trátase sobre o enterro das irmás Cavaignac. O padre
Teissier e, sobre todo, o sobriño, compórtanse de maneira ruín
coas defuntas, o cal esperta a indignación dos veciños e de
Vincent, que está deprimido, ademais, por unha noticia.
-Cal é a
nova que o deprime?
A nova
de que o seu irmán Théo e a súa familia non pasarán as vacacións
en Auvers, ó seu lado, senón en Holanda, na casa da súa nai.
-Que
aspectos revelan o carácter insensible e interesado do sobriño?
O
sobriño fainas enterrar nunha soa cova, unha enriba da outra, non se
molesta en velar os seus cadáveres de noite e, segundo se di, pon en
venda inmediatamente a finca das súas tías. En canto remata o
enterro, guinda co brazalete negro, que recolle un corvo co seu
peteiro.
Capítulo
29
Vincent
realiza un acto que escandaliza á poboación de Auvers. Cal?
Pinta
a campa das irmás Cavaignac de anil e vermello.
As reaccións
da tía Jojo, Adeline e o narrador son diferentes. Para a tía,
Vincent é un profanador de tumbas; para a moza, un tolo; e para o
narrador, un sabio. A discusión entre os dous mozos chega máis
lonxe do previsto. Adeline dille que ó seu pai el non lle gusta como
noivo dela porque ten o carácter atolascado da súa nai. O narrador
comprende que algo foi cambiando entre eles: perderon a
espontaneidade do principio e van manifestando cualidades opostas.
Observa que Adeline ten un carácter práctico e pensa no futuro,
relacionándoo sempre coa idea de seguir co negocio dos seus pais.
-Cal é
o desexo do narrador? Ten as mesmas ambicións que Adeline?
O
narrador desexa viaxar e coñecer cidades das que lle falara Vincent:
París, Amsterdam, Londres... El ten un carácter soñador e non é
atraído pola idea de vivir atado a un negocio, apegado a un lugar.
Ademais, desexa reencontrarse coa súa nai.
Capítulo
30
Pasou unha
semana desde o acontecido no capítulo anterior. O acto rebelde de
Vincent segue creando polémica, ampliada posiblemente polo padre
Teissier. Adeline, influída por este, chega a considerar que o
pintor é un blasfemo que merece o inferno. O narrador sente que se
está distanciando dela irremediablemente. Vincent, quizais para
consolalo, fálalle do seu pasado e coméntalle que ás veces o amor
á arte o afastou do amor humano e que ou ben amou cando con era
correspondido ou ben rexeitou á persoa que o amaba. Aínda cre que
Marguerite sentía algo por el e representaba, por tanto, a
oportunidade dun amor correspondido.
-Cita
algunha expresión que revele o pesimismo do artista.
Vincent
di que na súa vida foi de fracaso en fracaso. Reflexionando sobre a
arte e o amor, di: “O escritor Richepin insinuou algunha vez que o
amor á arte lévache a perder o verdadeiro amor. A min sucedeume en
moitas ocasións. A última, hai ben pouco”.
Pola súa
parte, o narrador vai facéndose á idea de que o amor que Adeline
sente por el non é moi profundo e pode ser incluso un obstáculo na
vida que desexa levar.
-Con que a
compara?
Compáraa
cunha áncora que non deixa navegar o seu barco.
Capítulo
31
Un día no
campo vendo as tarefas dos campesiños sérvelles de consolo ós dous
deprimidos amigos. Unha familia botando palla nova ó tellado failles
reflexionar sobre as ledicias do traballo comunal e harmónico.
O verán,
non obstante, entristéceos. Vincent séntese como unha ave
engaiolada, desexosa de migrar e cortexar, na chegada da primavera.
-Que
considera necesario para sentirse libre?
O amor
e a a amizade. Na súa opinión, non basta con cambiar de lugar
soamente.
-En que se
diferencian Vincent e o narrador neste sentido?
En que
o narrador non está convencido de que o amor poida liberalo. No seu
caso, o amor por Adeline non parece suficiente. Desexa fuxir e a
covardía ou o amor por Adeline parecen impedir a súa liberdade.
Capítulo
32
Dous
días despois, o narrador, preocupado polo artista, a quen non viu
nas últimas xornadas, decide vencer a súa teima de non aparecer
pola fonda. Alí ve a Adeline asediada por mozos parisinos que enchen
a terraza. Atopa a Vincent, bébedo e sucio, enfadado co seu irmán
Théo.
-Por que?
Porque
cre que o seu irmán o abandonou. Contaba con el para que convencese
a Gachet de que o matrimonio con Marguérite era unha boa idea e
coida que os cartos que Théo lle enviou son unha maneira de
compensalo polo seu abandono.
Ó saír,
atópase con Adeline perseguida por un mozo. Ela desexa encontrarse
con el na parte traseira da fonda.
-Cal é a
súa reacción?
Marchar
da pousada, porque non sabe que dicirlle e tampouco quere mentir.
Ademais, parece amolalo ver á súa noiva perseguida por uns mozos
parisinos ós que parece agradar.
Capítulo
33
Ó día
seguinte, o narrador diríxese de novo á fonda, onde atopa a Adeline
indiferente e a Vincent ofensivo e incluso violento. Deixa que este
saia a pintar só. Cando o narrador volve a preguntar por el esa
noite, Adeline cóntalle o sucedido.
-Que
sucedeu? Cal é a opinión do doutor Gachet?
Vincent
regresara á pousada a noite anterior cunha ferida no peito provocada
por un disparo que el mesmo se dera. O doutor Gachet coida que non
hai nada que facer porque ten a bala moi preto do corazón.
-Como
interpreta os feitos o narrador? Como interpretas a actitude de
Rigaumont, o xendarme, co narrador?
O
narrador cre que Vincent quixo buscar a liberdade (abandonar a gaiola
na que se sentía prisioneiro), pero non polo camiño do amor ou a
amizade, senón polo “atallo solitario” do suicidio. Rigaumont
compórtase de maneira brusca co narrador. Case dá a impresión de
comportarse como o faría un pai severo.
Capítulo
34
Vincent,
ferido, está aparentemente tranquilo no seu leito. Desexa morrer e
non di onde se pode atopar o seu irmán Theo, a quen desexan avisar
do sucedido. O narrador, que coñece a súa dirección porque ten no
seu poder unha carta que lle entregou Vincent, non quere dicila, pois
cre que debe respectar o desexo do artista. Adeline, que sabe da
carta, non está de acordo con el, así que lle colle a carta, le a
dirección e vailla comunicar ó seu pai. Ademais, discute co
narrador.
-Que lle di?
Por que lle pega unha labazada?
Porque,
cando Adeline lle conta que Jules está arrepentido dos malos
momentos que lle fixo pasar ó protagonista, este dille que o mozo é
un voitre e ela a súa presa. Está enfadada con el porque o
protagonista non está de acordo con ela. Adeline acúsao de ser unha
persoa que anda sen rumbo, que nunca se decide a dar un paso adiante
e se limita a deixarse levar.
O
narrador visita ó artista, que se atopa durmido. Ó meterlle a carta
nun peto da chaqueta, atopa o revólver que Vincent usou e cólleo. Ó
saír, atópase con Anton, que se dispón a partir cara a París, en
busca de Théo. O narrador refúxiase na súa casa, rexeitando
cruzarse con Adeline.
-Que
descobre alí?
Que no
revólver aínda queda unha bala.
Capítulo
35
Anton
cóntalle o sucedido tras a chegada de Théo e a morte de Vincent ó
narrador. Este pasa o día “xogando” co revólver.
-Que lle
pasa pola cabeza?
Pensa
en utilizar o revólver para vingarse de Jules ou Rigaumont.
Posiblemente pase pola súa imaxinación a idea de imitar ó seu
admirado pintor.
Anton dille
que Vincent tomou a morte con resignación e sen pena; para el a
morte era a “fin da tristeza”.
-Que cres
que quería dicir?
Que,
para Vincent, a vida sempre foi dolorosa. Tiña unha
sensibilidade especial, que lle
producía sufrimento.
O narrador
reflexiona sobre as últimas palabras do seu amigo e coida que a súa
propia tristeza non terá fin, que só a compaña do artista ou
Adeline foron un alivio pasaxeiro. Hai unha imaxe plasmada nos cadros
de Van Gogh que lle vén á mente ó contemplar a súa situación.
-Cal? Que
cres que desexaba representar o pintor con esa imaxe?
A
imaxe da noite estrelada. Esa imaxe suxeríalle a soidade do ser
humano, pero tamén a fermosura e a grandeza do universo. O ser
humano é algo minúsculo, perdido no medio dunha inmensidade
grandiosa.
Capítulo
36
O día do
enterro, o narrador observa o aprecio que sentían as xentes do lugar
polo pintor, que chegara tan só sesenta e nove días antes; descobre
rostros coñecidos que lle fan lembrar os seus paseos por Auvers,
Chaponval e Pontoise.
-Como era
chamado polos nenos do lugar? Lembras o motivo?
Para
os nenos era Monsieur Chocolat, porque o perseguían para que el lles
regalase o chocolate que o doutor Gachet recibía de Suíza e lle
daba a el como unha especie de medicamento.
O
narrador queda impresionado pola dor sincera que manifesta Théo e
polas palabras do doutor Gachet. Este di que Vincent amou dúas
cousas sobre todo. Cales?
A
Humanidade e a Arte.
O narrador
pousa un ramo de malvas na tumba do artista e vaga polos arredores
pensando en suicidarse, pero afortunadamente non o fai.
-Como acaba
a novela?
Tras
depositar un ramo de malvas na campa do seu amigo, vagando só, pensa
en suicidarse, pero acaba disparando ó aire. Ansioso de abandonar
Auvers, decide coller o tren que o conduce a París, desoíndo unha
voz que o chama, a voz de Adeline.
SE
QUERES MÁIS INFORMACIÓN...
Comezo
-Polo
nome, os debuxos e a data podemos chegar á conclusión de que
Vincent é Vincent Van Gogh. Se consultamos unha biografía deste
pintor holandés, descubriremos que morreu, precisamente, en 1890.
-A
pensión Ravoux foi a pensión onde viviu Van Gogh na vila de Auvers.
Alí morreu.
-Vincent
manifesta a súa visión da arte en distintas ocasións. Na páxina
21 atopamos o seguinte: “A beleza reside na verdade, na vida tal e
como se nos presenta. Eu só tento reflectila con humildade. Alguén
dixo que a arte é o home engadido á natureza, e aquí mesmo,
arrodeado por ela, estou eu”. Isto pode facernos pensar que non
gustaba de idealizar o que vía, que adoptaba unha actitude humilde
ante a vida e gustaba de identificarse coa natureza –tres trazos da
pintura de Van Gogh.
-O
doutor Gachet foi o motivo polo cal Van Gogh se estableceu en Auvers.
Este agardaba que aliviase os seus problemas físicos e mentais,
porque xa pasara varias tempadas en manicomios.
-Naquel
tempo estaba aínda de moda a novela naturalista. O seu principal
representante en Francia foi Émile Zola, quen, ademais, era
admirador e amigo de varios pintores impresionistas; en especial, de
Manet.
-Cando
Vincent reclama cadros pintados no Sur, refírese ós realizados nas
súas estancias en Arles e Saint-Rémy, onde pasara os anos
anteriores.
-Por
desgraza para Vincent, este prefire o asenta, e non o chocolate con
leite. Un dos grandes problemas de Van Gogh era o alcoholismo.
-O
autorretrato do pintor coa orella tapada por unha venda amosa o afán
de Van Gogh de amosar o seu interior por medio da imaxe, sen
idealizacións. Non se sabe con moita certeza como perdeu a orella.
Gauguin contou que o propio Van Gogh, nun momento de furia e
arrepentimento, tras un enfrontamento con el, cortou o lóbulo da
orella dereita cunha navalla de afeitar.
-Guy
de Maupassant foi un dos colaboradores nas Soirées
de Médan, onde o seu relato ‘Bola de
sebo’ causou fonda impresión.
-A relación
de Van Gogh con varios pintores famosos hoxe en día é coñecida de
todos. Na novela, alúdese, entre outros, a Cézanne e Pissarro.
-A
importancia de Theo na vida de Vincent Van Gogh é incalculable. Foi
o seu apoio constante, tanto no aspecto económico como no moral.
Aínda que era varios anos menor, portouse como un irmán protector e
devoto. No ano 1890, a súa muller acababa de dar a luz un meniño,
apadriñado por Vincent, que levou o seu mesmo nome. Na actualidade,
Theo e Vincent están enterrados un ó cabo do outro no camposanto de
Auvers.
-Como xa se
dixo, o alcoholismo foi un de tantos males que aqueixaron ó pintor.
O asenta era entón unha bebida que estaba de moda. O viño foille
limitado nas comidas despois dos cada vez máis frecuentes episodios
de loucura.
-A
expresión dos ollos está ben clara nos seus múltiples
autorretratos e retratos. O seu interese polas xentes humildes
resulta evidente na plasmación das súas vivendas e dos seus
traballos, seguindo ás veces o exemplo doutros pintores como Millet;
pero tamén se manifesta na súa vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario